martes, 13 de septiembre de 2022

Agua mafia

A xudicialización da auga: cando controlar auga é un negocio lucrativo en Galicia

Viaqua e Aqualia son as dúas grandes concesionarias dos servizos municipais da auga en Galicia e as dúas compiten polo mesmo espazo. Tal e as súa competición que mesmo chegan a xudicializar a xestión da auga. En xogo, millóns de euros en concesións.

A auga comeza a ser un ben moi preciado, tan preciado, que as empresas privadas que xestionan o seu servizo, non queren que se lle escape unha pastel que reporta millóns de euros de beneficio. O negocio da auga é unha realidade en tempo de secas e cambio climático, tanto, que as empresas que tratan de xestionala non dubidan en ir aos tribunais para gañar máis porcións da tarta.

Auga da billa

Auga da billa | Fonte: Arquivo.

Un informe da Organización Mundial da Saúde (OMS) e Unicef revela que antes do 2030, dúas de cada dez persoas de todo o mundo non terán acceso a auga potable salubre no seu fogar. Uns datos que din que máis de 1.600 millóns de persoas terán que pelexarse por lograr algo tan vital para o día a día como é a auga.

Tan vital é que comeza a ser un negocio e a compararse co petróleo ou co ouro. De feito, desde hai uns meses,  a auga en California cotiza no mercado de futuros de materias primas de Wall Street. É un negocio intanxible no que as operacións están baseadas na adquisición de dereitos sobre unha cantidade de auga nun futuro a un prezo fixo. E nese novo negocios, inversores e espculadores como Michael Burry, fundador do fondo Scion Capital LLC, decidiu investir boa parte da súa fortuna no control da auga. 

NEGOCIO

Traballadores de Viaqua

Traballadores de Viaqua | Fonte: viaqua.gal

En España, tamén a auga é un negocio, sobre todo, a súa xestión. 31 das 51 capitais de provincia teñen privatizado este recurso. E é que son unhas poucas as empresas que controlan o subministro da auga da maioría da poboación.  Unhas empresas que se caracterizan por ter distintos nomes pero que conflúen en grandes operadoras do sector que moven millóns de euros. É o caso de Agbar, da multinacional francesa Suez, por exemplo, que xestiona mediante concesións a auga de 14 millóns de persoas no conxunto do estado e está valorada nuns 3.000 millóns de euros.

Estas empresas non só gañan xestionando a auga, senón que tamén subcontratan servizos a outras empresas que forman parte da súa mesma matriz. Por exemplo, no caso de Barcelona, Agbar organizou unha secuencia de empresas, todas da súa propiedade, para a compra e venda de contadores de auga que acaban custando ao usuario un 340% máis caros que o prezo de compra.

Ademais de Agbar, están Aqualia, a filial de xestión de auga de FCC, que xa é un dos sectores máis lucrativos da construtora matriz (144 millóns en 2016). Aínda que a actividade da filial supón un 17% das vendas, achega o 28% do Ebitda, fronte ao 28% e o 7% da construción. ACS tamén ten a EMAFESA e SOCAMEX desde a súa filial Urbaser para ocuparse do ciclo integral da auga. Pola súa banda, Acciona faise cargo da explotación de Aigües Ter-Llobregat (ATLL) tras a súa privatización polo goberno en funcións de Artur Mas a finais de 2012.

GALICIA

En Galicia, Aqualia e Viaqua son as grandes empresas do sector e compiten por facerse con máis anacos do pastel. Viaqua é unha das grandes empresas da provincia da Coruña e factura xa preto de 60 millóns de euros. É a herdeira de Aquagest, a empresa tristemente coñecida en diversos sumarios xudiciais por supostos sobornos dalgúns dos seus dirixentes a políticos para facerse cos contratos municipais da auga.

Tal é a competición destas dúas empresas polo control da auga en Galicia que non dubidan en chegar aos tribunais, algo que non soe ser común entre as empresas do mesmo sector. De feito, hais uns días, os xulgados dábanlle a razón ao Concello de Vigo en contra de Viaqua despois de que o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 desta cidade ditase que a prórroga que o goberno local concedeu a Aqualia a finais de 2020 para a xestión integral do devandito servizo «foi legal».

Os feitos remóntanse a finais do ano no que se decretou a pandemia do COVID, cando a Administración local concedeu unha moratoria de cinco anos a Aqualia Vigo UTE para o contrato de concesión administrativa da xestión integral do servizo de abastecemento e saneamento de augas do municipio vigués. Tras a aprobación da devandita prórroga, o 27 de xaneiro de 2021, Viaqua presentou recurso contencioso-administrativo contra a mesma, solicitando que se ditase sentenza para declarar «non axustado a Dereito o acordo aprobado pola xunta de goberno local» .

Aquel recurso foi admitido a trámite e, finalmente, o 27 de setembro de 2021 Viaqua presentou a demanda correspondente contra o Concello, unha demanda que agora foi desestimada polos xulgados vigueses. Así, o concelleiro de Fomento e Servizos, Javier Pardo, destacou que esta sentenza «non só se limita a inadmitir o recurso, senón que vai ao fondo da cuestión». Fontes de Viaqua consultadas por GC din que sobre este asunto «non teñen nada que dicir».

PROBLEMAS EN SANTIAGO

De feito, as prórrogas dos servizos soen ser algo común nas administracións locais. É o caso de Santiago, onde é Viaqua a que xestiona e controla a auga, e onde os grupos da oposición rexeitaron a proposta do Goberno local sobre a forma de xestión do servizo do ciclo integral da auga na cidade. Unha proposta que prevía un contrato de 450 millóns de euros cunha duración de 25 anos máis prórrogas.

«SOCIALIZAR» A IMAXE PÚBLICA

Ante a privatización completa do ciclo da auga, estas empresas levan anos tentando crear un ambiente «amable» as súas operacións con iniciativas de tipo social. Así, Viaqua apostou polo AquaHub, a Vila da Auga, co obxectivo de «dixitalizar» e «transformar» as depuradoras en biofactorías.  

Tanto Viaqua como Aqualia tamén colaboran con distintas asociacións, sociais ou medioambientais, para impulsar a súa imaxe, e mesmo participan en iniciativas culturais con certames, festivais ou premios de música ou literatura.

No hay comentarios:

Publicar un comentario