Participantes nunha edición do Correlingua
En cinco anos, a situación inverteuse: os só castelanfalantes medran ata o 29,66 % e os só galegofalantes baixan ao 24,37 %; un terzo dos menores de 15 anos din saber falar pouco ou nada no idioma propio da comunidade. A Xunta recorda que o galego segue a ser a lingua cooficial máis empregada no Estado, e que nos datos inflúe a chegada de poboación de fóra
Ogalego perde espazo como lingua de comunicación habitual en Galicia. Segundo datos feitos públicos este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE) xa son máis os residentes na comunidade que falan sempre en castelán, un 29,66 %, que os que falan sempre en galego, un 24,37 %.
A información procede dun módulo específico da Enquisa estrutural de fogares publicado esta mañá, sobre coñecemento e uso do galego, realizado a partir de case 10.000 enquisas. Os datos anteriores eran do 2018, e reflectían a situación inversa, co uso do galego sempre nun 30,57 % e do castelán sempre nun 24,40 %.
A situación non cambia se se engaden os que utilizan ambas linguas, pero con predominio dunha delas. Así, sumando os que falan só galego e os que falan máis galego que castelán, a porcentaxe actual chega ao 43,23 %, 6 puntos menos que hai cinco anos, os mesmos que medra a suma dos castelanfalantes permanentes e os que falan máis castelán, que son maioría na comunidade, representando o 53,77 %.
Persoas segundo a lingua na que falan habitualmente
En galego sempre
Máis galego ca castelán
Máis castelán ca galego
En castelán sempre
Entre os que falan sempre na lingua propia de Galicia, hai unha perda de falantes nos grupos de menor idade. Entre os 5 e os 14 anos falan só en galego o 7,04 % dos rapaces, mentres que máis da metade (o 53,67 %), falan só en castelán. Porén, no grupo das persoas de 65 ou máis anos, os galegofalantes exclusivos son o 40,34 %, fronte a un 16,93 % de falantes de castelán sempre.
Persoas segundo a lingua na que falan habitualmente por idade
En
galego sempre
Máis
galego ca castelán
Máis
castelán ca galego
En
castelán sempre
De 5 a 14 anos
9,15
30,14
53,67
De 15 a 29 anos
11,97
16,21
28,81
43,01
De 30 a 49 anos
17,68
20,31
29,1
32,91
De 50 a 64 anos
26,99
24,81
23,78
24,41
De 65 ou máis anos
40,34
27,58
15,15
16,93
Chama a atención o uso do galego na infancia, dado que o 38,42 % dos habitantes de Galicia que teñen fillos manifesta falarlles en galego sempre, algo que semella non bastar para prender neles o uso habitual desta lingua. Na relación inversa, hai un 32 % de fillos que din falar sempre en galego aos seus pais, mentres que un 43 % elixe sempre o castelán nas conversas cos seus proxenitores.
A enquisa reflicte a toda a poboación residente en Galicia, tanto os nacidos na comunidade como os chegados doutras autonomías ou países. E a preferencia polo galego retrocede en todos os colectivos. Entre os nativos de Galicia, os que falan sempre en galego perden 5,4 puntosrespecto ao 2018, mentres os que empregan sempre o castelán medran 2,63 puntos. As diferenzas son moi leves nos chegados doutras comunidades autónomas (variacións que non chegan a un punto arriba ou abaixo en todos os ítems), mentres que entre os estranxeiros instalados en Galicia dáse o maior crecemento dos castelanfalantes exclusivos: aumentan case 15 puntos, ata ser tres de cada catro os que só falan na lingua de Cervantes.
Reaccións ao informe sobre a lingua: a oposición atribúe o retroceso do galego ás políticas do PP, e a RAG reclama medidas urxentes e un pacto polo idioma
Un terzo dos nenos non saben galego
En canto a saber falar o galego, o 16,60 % da poboación confesa saber pouco ou nada, fronte ao 51,28 % que di saber falalo moito e o 32,11 % que di que bastante. Outra vez, o dato máis salientable está entre os máis novos: un de cada tres rapaces de cinco a catorce anos (o 32,44 %) sabe falar pouco ou nada en galego.
Volvendo ao conxunto dos residentes en Galicia, a familia segue a ser a principal vía de aprendizaxe do galego, xa que o 79,10 % dos enquisados di que aprendeu o idioma no ámbito familiar. Con todo, entre a poboación menor de cincuenta anos gaña peso a escola, chegando ao extremo de que entre as persoas de cinco a 29 anos a inmensa maioría (o 95,74 %) atribúen o seu coñecemento do galego ao sistema educativo.
Distribución xeográfica
Por áreas, as de Vigo, A Coruña e a de Ferrol-Eume-Ortegal son as que presentan menores porcentaxes de poboación que fala sempre en galego sempre ou máis que en castelán, cun 20,13 %, un 25,04 % e un 28,39 %. No outro extremo, a lingua galega é predominante na Costa da Morte (84,92 %) e a área de A Coruña suroriental (82,97 %).
Nas sete cidades o castelán gana a partida ao galego en todas, sendo o concello de Santiago o que ten máis predominio da lingua propia (o 44,52 % da poboación de cinco ou máis anos fálaa sempre ou de xeito predominante), e Vigo o de menor presenza(13,46 %).
Falar si, escribir non
A escrita do galego atáscase aínda máis que a súa comprensión ou o seu emprego oral. A información do IGE revela que un 4,23 % das persoas que din entender o galego non son capaces de falalo. Hai cinco anos, esa porcentaxe era do 1,88 %.
Ademais, entre os que si din saber falalo, hai un 10,96 % que aseguran non sentirse aptos para escribilo, unha porcentaxe bastante similar á do ano 2018, cando era o 10,84 %.
Máis alá de saber ou non saber escribir o galego, o certo é que as enquisas indican que o castelán segue a ser a lingua habitual de escritura para a maioría da poboación. Só o 15,33 % dos consultados dixeron escribir habitualmente en galego.
Que implica isto? Que ata entre os galegofalantes hai un número moi importante de persoas que renuncian á lingua propia á hora de poñela en branco sobre negro. Un dato: un 61,38 % dos que din falar sempre en galego empregan o castelán á hora de escribir.
Predominio castelán nos libros e na Internet
O castelán tamén predomina á hora das escollas que fan os lectores. O 56,42 % da poboación de Galicia só le en lingua española, mentres que os que optan polo galego de xeito exclusivo ou preferente á hora de elixir un libro son apenas o 7,96 %.
A porcentaxe é aínda máis baixa ao falar de navegar por Internet, cun 6,72 % de escolla do galego como lingua única ou maioritaria. Iso si, o dato é mellor que o de hai cinco anos, cando representaba un 5,07 %.
E que pasa se se elimina o factor de que existe maior oferta de contidos na rede en castelán? As porcentaxes de escolla do galego melloran, pero seguen a ser minoritarios. Menos de dous de cada dez consultados (o 18,28 %) optan de xeito habitual polo galego cando poden escoller en que idioma navegar.
En canto á lingua empregada para participar nas redes sociais, o 4,75 % da poboación emprega só o galego, mentres que outro 12,68 % utiliza máis galego que castelán. Os que optan polo castelán en exclusiva soben ata o 60,26 %, mentres que aqueles que optan máis polo castelán que polo galego son o 22,31 %.
Iso si, algo máis da metade dos consultados din que lles gustaría atopar máis contidos en galego en Internet.
A Xunta relaciona os datos coa chegada de poboación do exterior
O secretario xeral de Lingua da Xunta, Valentín García, destacou que segundo os datos do IGE, sete de cada dez galegos din empregar algunha vez o galego. Respecto ao avance deste último idioma nos últimos cinco anos, vinculouno coa chegada de residentes dende o exterior, que cifrou en 115.000 persoas no período analizado (2018-2023). «Trátase dun dato moi importante que inflúe directamente no incremento de castelanfalantes, converténdose tamén nun nicho de potenciais neofalantes, para os que desde a Administración autonómica estamos deseñando medidas como son os cursos específicos que anunciamos esta mesma semana», valorou.
García, que fixo estas consideracións no acto de presentación en Santiago dos novos recursos do portal Neofalantes.gal, tamén considerou que o galego «continúa na senda de ser a lingua cooficial máis empregada no conxunto do Estado e a maioritaria no territorio, sendo un 29,2 % os que manifestan utilizar unicamente o castelán de maneira habitual», mentres que «practicamente o 100% da poboación é quen de desenvolverse en galego na súa vida». Así, asegurou que o 94,6 % da poboación di dominar a expresión oral, e o 84,4 % di ter competencias escritas, mentres que o 93,4 % entende o galego falado, e o 96,4 % di poder ler neste idioma.
En opinión de García, os datos do IGE reflicten «unha sociedade bilingüe que convive nos dous idiomas cooficiais nun territorio cun modelo que non xera conflitos».
No hay comentarios:
Publicar un comentario