A ultradereita superou ao BNG en catro das sete grandes cidades galegas e en moitos dos concellos das súas áreas metropolitanas. Tamén obtivo grandes resultados en vilas e mesmo en zonas rurais de Galicia. Así se distrubúe o poder dun fenómeno político que irrompe con forza en Galicia e que podería condicionar as eleccións galegas do vindeiro ano.
Vox non acadou escano no Congreso en Galicia. De feito, é xunto con Euskadi, Navarra e La Rioja, as únicas autonomías e nacionalidades onde Vox non conseguiu representación. Pero este feito non pode chamar a engano. A ultradereita subiu enormemente en Galicia e será unha forza política decisiva nas eleccións galegas do vindeiro ano.
O último escano da provincia da Coruña caeu no BNG, pero por moi pouco. Os nacionalistas só superan á ultradereita no conxunto do país por 5.000 votos. Unhas cifras que non se poden tomar á lixeira e que apuntan a que Vox non é un fenómeno pasaxeiro, nin hai que minusvalorar. Ven para quedar, cando menos unha tempada, e para condicionar a política galega. De feito, se se trasladaran os datos das xerais a unhas galegas, Vox acadaría cinco deputados, por seis dos nacionalistas. Aínda que tamén é certo que cada elección é diferente e que o comportamento do electorado tamén varía en función de cada comicio.
UNHA FORZA URBANA E RURAL
A fortaleza amosada por Vox sustentase, sobre todo, no espazo urbano, un espazo que durante os anos noventa dominaba o BNG e que agora é para Unidas Podemos e Vox. Pero tamén en zonas rurais. A ultradereita gañou en número de votos aos nacionalistas en cidades tan importantes como Vigo, Ferrol, Lugo ou Ourense. Empataron case na Coruña e en Pontevedra, onde o alcalde é do BNG, e quedou moi por detrás, únicamente, en Santiago.
A ultradereita tamén supera ao nacionalismo galego nas provincias rurais de Lugo e Ourense –case un punto e punto e medio-- e empata na de Pontevedra –o BNG está a pouco máis de 1.000 votos de diferencia—. É na provincia da Coruña onde a diferencia entre Vox e o BNG é maior, case un punto e medio e 8.000 votos de diferencia. Uns votos que foron, os que finalmente, lle deron o escano ao Bloque.
A pesar da fortaleza do BNG na Coruña –que en Vox atribúen ao apoio que o nacionalismo está a recibir por parte de medios como La Voz de Galicia ou El Correo Gallego--, o certo é que a ultradereita amosou máis músculo que o nacionalismo tamén nas áreas metropolitanas das ciudades. Isto explica que o fenómeno Vox non é pasaxeiro, que se nutre dun voto urbano descontento co actual sistema político e non necesariamente vello.
Agás na área de Santiago, onde foi a quinta forza na capital galega e en localidades como Ames, Teo ou Brión, o certo é que noutros concellos das grandes áreas metropolitanas de Galicia, Vox foi a cuarta ou mesmo a terceira forza política por riba do BNG e de Unidas Podemos.
COLLE MÚSCULO NAS ÁREAS METROPOLITANAS E GRANDES VILAS
Na da Coruña, Vox gañoulle ao BNG en Arteixo, Oleiros, Cambre, Abegondo ou Culleredo. Na de Ferrol en Miño e Narón; na de Pontevedra, en Marín, Sanxenxo, Meaño, Pontecaldelas, Meis e mesmo en Poio, onde o alcalde é do BNG. Na área de Vigo tamén gaña Vox en Nigrán, Baiona, Gondomar, O Porriño , Salceda de Caselas ou Tui. E en Vilagarcía de Arousa.
En Lugo, tamén se impón a ultradereita en todas as localidades que limitan coa capital provincial e en núcleos importantes como Monforte, Vilalba ou mesmo Ribadeo, onde tamén goberna o Bloque. E en Ourense, en todos os concellos limítrofes e en vilas importantes como Verín, Xinzo ou Ribadavia. De feito, os nacionalistas só conseguiron impoñerse como forza máis votada en Allariz, onde gobernan desde hai 30 anos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario